Oportunidade do Marín Futsal para seguir sumando e necesidade de vencer para o Poio Pescamar

Marín
12 de novembro 2021

Despois de dúas vitorias consecutivas e tres xornadas sumando, o Marín Futsal recibe este sábado na Raña (16.00 horas) ao pechacancelas da competición, o Joventut D'Elx buscando consolidarse na zona media da táboa. O Poio pola súa banda visita Leganés coa necesidade de gañar tras tres encontros sen conseguilo

Raúl Jiménez, na súa primeira etapa no Marín Futsal
Raúl Jiménez, na súa primeira etapa no Marín Futsal / Mónica Patxot

A sétima xornada de liga na Primeira División Feminina de Fútbol sala chega con dinámicas opostas para Poio Pescamar e Marín Futsal.

Coa frecha cara arriba chega precisamente o Marín, tras encadear tres xornadas sen perder con dous triunfos consecutivos que lle fixeron colocarse na zona media da táboa. Aí é onde pretenden consolidarse as xogadoras adestradas por Raúl Jiménez, e teñen unha boa oportunidade para iso.

Este sábado (16.00 horas) visita A Raña o pechacancelas da competición, o Joventut D' Elx, un equipo que aínda non conseguiu sumar puntos en liga.

O técnico marinense ve a cita como "unha final, é un rival directo pola pelexa pola salvación e, de sacalo, daríase un paso importante para ter máis tranquilidade nos próximos enfrontamentos. O Elxe é un equipo que necesita a vitoria si ou si e temos que aproveitar a súa precipitación", asegura.

Nunha situación oposta, aínda que cun punto máis na táboa, chega a esta xornada o Poio Pescamar, tentando superar a súa mala serie de resultados.

O equipo vermello encadea tres xornadas sen gañar (dúas derrotas seguidas) e necesita cando antes volver facelo para non verse descolgado do pelotón de cabeza. Iso si, para conseguilo deberá superar a un complicado CD Leganés a domicilio (19.00 horas), actual sexto clasificado con 10 puntos polos 8 que ten o cadro adestrado por Manu Cossío.