Oportunidade para os futbolistas menos habituais

Pontevedra
02 de decembro 2015

O Pontevedra Club de Fútbol recibe este xoves (20:30 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ao Marino de Luanco na ida dos dezaseisavos de final da Copa Federación. Os abonados entrarán de balde

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Semana atípica para o Pontevedra Club de Fútbol, que deberá afrontar en catro días dous partidos como local no Estadio Municipal de Pasarón.

Antes de recibir o domingo (17:00 horas) ao Somozas en liga, os granates debutan este xoves (20:30 horas) na Copa Federación ante o Marino de Luanco, no partido de ida de dezaseisavos de final.

Será unha oportunidade para os futbolistas que menos contaron ata o momento para Luisito, e que dispoñerán de minutos buscando convencer ao adestrador xa que o técnico dará descanso aos habituais coa mente posta no duelo do domingo.

Tamén será unha boa ocasión para que xogadores que arrastraron problemas físicos durante as últimas semanas recuperen o ritmo de competición, caso de Jacobo, Capi ou Tomás.

Estes dous últimos, que foron baixa en Vigo a pasada fin de semana, reintegránronse no grupo, polo que salvo contratempo o único xogador que non estará dispoñible ante o Somozas será Adrián Mouriño por sanción, ao ver contra o Celta B o seu quinto cartón amarelo da tempada.

Os abonados do Pontevedra poderán presenciar de balde o choque ante o Marino de Luanco, actual noveno clasificado da Terceira División asturiana, mentres as entradas para o público fixáronse en 12 euros para Tribuna, 8 euros para Preferencia e 5 para os fondos.

Arbitrará o encontro o colexiado galego Gonzalo Villanueva Carballo.