Organizan unha 'xuntanza granate' para ambientar as horas previas do Pontevedra-Zamora

Pontevedra
22 de febreiro 2024

O programa Fondo Norte e o colectivo Siareirxs Granates propoñen unha xornada de actividades cunha edición en directo do podcast, sesión vermú e comida nas horas previas ao encontro do próximo domingo 25 de febreiro no Estadio Municipal de Pasarón

Partido de liga entre Pontevedra e Valladolid Promesas en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Valladolid Promesas en Pasarón / Cristina Saiz

A Praza do Teucro será escenario o vindeiro domingo 25 de febreiro dunha xornada ambientada en granate, como quecemento ao gran encontro que se vivirá ás 17.00 horas en Pasarón entre Pontevedra Club de Fútbol e Zamora.

O programa Fondo Norte e o colectivo de afeccionados Siareirxs Granates propoñen unha 'xuntanza' para animar a previa ao partido de liga con diversas actividades ofrecendo un día de "irmandade, granatismo e fútbol".

A primeira delas, a partir das 11.30 horas, será a emisión dun programa en directo do podcast dedicado ao Pontevedra CF, desde o interior da Cerveceria El Bruc, programa que contará coa participación de invitados como o histórico capitán granate Pablo Vázquez, o campión do mundo de acuatlón Cristian Fernández e un "convidado segredo moi coñecido pola afección granate nas redes sociais", explican desde Fondo Norte.

A actividade continuará cunha sesión vermut e comida na que poderá participar calquera afeccionado granate contactando co programa Fondo Norte a través das redes sociais ou no WhatsApp 613 144 322.

Por último a xornada finalizará cunha marcha ata Pasarón coa intención de ambientar os momentos previos ao Pontevedra-Zamora e entrar despois ao estadio para vivir o partido de liga entre dous dos aspirantes ao ascenso de categoría.