Os cadetes do Cisne, entre os oito mellores equipos de España

Pontevedra
27 de maio 2024

O equipo cadete pontevedrés impúxose a fin de semana en Elda nun dos sectores do Campionato de España logrando o billete á fase final da competición xunto ás mellores canteiras do país

O equipo cadete do Cisne celebra o seu triunfo no sector do Campionato de España celebrado en Elda
O equipo cadete do Cisne celebra o seu triunfo no sector do Campionato de España celebrado en Elda / Fernando Lago / Club Cisne Balonmano

O Club Cisne Balonmán volveu a colocar a un dos seus equipos entre os oito mellores de toda España.

Conseguiuno nesta ocasión o seu conxunto cadete masculiuno, ao vencer nun dos sectores do Campionato de España celebrado a fin de semana na localidade de Elda, Alacante.

Os pontevedreses realizaron un torneo sobresaliente, vencendo na primeira xornada o BM Guadalajara por un apertado 26-25 e na segunda o Villa de Aranda por un contundente 45-24.

Con estes resultados o Cisne chegaba á xornada final este domingo con todas as súas opcións intactas para gañar o sector, tendo como rival no último encontro ao anfitrión BM Elda, que tamén levaba pleno de vitorias. Ao final, foi o equipo cisneísta o que venceu (32-34) desatando a súa alegría na celebración.

Non é para menos, e é que os cadetes do Cisne gañaron o dereito para soñar con algo grande na fase final do campionato nacional.