Os cadetes do Judo Club Pontevedra regresan do nacional cun ouro e un bronce

Pontevedra
11 de outubro 2022

Leyre Villamedina foi a judoka máis destacada ao conseguir a vitoria na categoría de -63 quilos cun pleno de vitorias

Judokas do Judo Club Pontevedra que participaron na Copa de España de categoría cadete Judo Club Pontevedra

O Judo Club Pontevedra obtivo este sábado dúas medallas na categoría cadete da II Copa de España de Suances, Cantabria, campionato puntuable dentro do circuíto oficial de Copas de España de Judo.

Leyre Villamediana volveu subir ao primeiro chanzo do podio nun certame nacional ao conseguir o ouro na categoría de -63 kg despois de gañar todos os seus combates de maneira incontestable nun grupo de vinte e sete participantes. Un triunfo aínda máis destacable dado que a competidora cadete estreábase nunha nova categoría de peso.

O seu compañeiro David Fernández logrou o bronce despois dunha competición case sen fisuras no nutrido grupo de -55 kg, cunha participación de corenta e un judokas, e na que só cedeu en semifinais. Un campionato que confirma a súa estupenda condición competitiva e o seu regreso aos primeiros postos do podio.

Finalmente, Cibrán Santorun obtivo un meritorio sétimo posto na categoría de +90 kg no seu debut na competición nacional e tras disputar os seus combates ante rivais máis experimentados.

A delegación pontevedresa completárona o adestrador no ximnasio Squash Villagarcía Fran Miguens e o judoka Ramón Hermida “Lavi”.