Os equipos da Gimnástica, abocados a loitar pola permanencia

Pontevedra
20 de maio 2018

Os rapaces do club pontevedrés foron terceiros na segunda xornada da División de Honra, mentres que o equipo feminino foi cuarto no seu encontro de Primeira División, polo que ambos loitarán pola permanencia na xornada final

Equipo da Gimnástica na xornada da División de Honra disputada en Soria
Equipo da Gimnástica na xornada da División de Honra disputada en Soria / Sociedad Gimnástica

Tanto o equipo masculino de División de Honra como o feminino de Primeira División da Sociedad Gimnástica deberán certificar a permanencia na última xornada das ligas nacionais, a disputar o fin de semana do 16 e 17 de xuño.

Aínda que abocados á final pola permanencia, os que mellor chegarán á cita serán os mozos, que este sábado asinaron un terceiro posto no seu encontro da segunda xornada, celebrado en Soria, repetindo así o feito na primeira cita.

O Playas de Castellón (229 puntos) cumpriu os prognósticos e fíxose co triunfo no Estadio dos Pajaritos de Soria, seguido do Atletismo Numantino (179 puntos), mentres que os pontevedreses sumaron 142 puntos nunha dura pelexa con L'Hospitalet, o que superaron por un punto (141).

Nesta xornada os atletas da Gimnástica non conseguiron ningún triunfo parcial, pero si catro segundo postos e sete terceiras posicións, que lle permitiron finalizar nesa terceira praza que pode resultar clave na final pola permanencia. Así, a Sociedad chega á fase final con 4 puntos no posto 12 dos 16 equipos que compoñen a División de Honra.

Consulta os resultados completos da segunda xornada da División de Honra Masculina de atletismo.

O EQUIPO FEMININO, CUARTO EN TORRENT

Peor lle foron as cousas na Comunidade Valenciana ao equipo feminino, que non puido pasar da cuarta posición no seu enfrontamento e tamén acudirá á final pola permanencia, no seu caso na Primeira División.

As pontevedresa competiron en Torrent sumando 131 puntos, superadas polo club local do CA Torrent (153), o Bahía Algeciras (181.5) e o vencedor da xornada, o ISS - L'Hospitalet (221.5 puntos).

Eva Cid (1.500 metros) e Andrea González (xavelina) lograron dúas vitorias parciais para o equipo, pero non foi suficiente para eludir a última posición, polo que pasan á última xornada con só 3 puntos.

Consulta os resultados completos da segunda xornada da Primeira División Feminina de atletismo.