Os equipos galegos de Segunda B "probablemente non estean no mesmo grupo" a próxima tempada, asegura Louzán

Pontevedra
08 de maio 2020

O presidente da Real Federación Galerga de Fútbol, Rafael Louzán, sinalou en declaracións á TVG que existen moitas posibilidades de que os grupos da Segunda División B non se establezan o próximo curso baixo o criterio de proximidade xeográfica

Rafael Louzán, presidente da Real Federación Galega de Fútbol
Rafael Louzán, presidente da Real Federación Galega de Fútbol / Real Federación Galega de Fútbol

Como quedará configurada a próxima tempada a Segunda División  B é a gran incógnita que deben resolver en próximas datas os organismos reitores da competición, despois da resolución da Xunta Directiva da Real Federación Española de Fútbol (para a súa ratificación na Comisión Delegada) dando por  finalzada a liga regular sen descensos e con play-off  exprés para determinar os ascensos.

Segundo estableceu a RFEF a categoría de bronce pasará a contar con 5 grupos de 20 equipos, 100 en total, nun ano de transición cara á reestruturación coa creación dunha Segunda B PRO cos mellores 40 clubs.

Trátase dunha medida que non era do agrado dos equipos galegos, tal e como recoñeceron xa nun primeiro momento, pero para o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán "buscouse unha solución que dese por rematada a tempada e dalgunha maneira non perxudicara á maioría dos equipos".

Louzán realizou estas manifestacións ante as cámaras da TVG, deixando no aire varios puntos importantes para a próxima tempada, que todo apunta comezará máis tarde do habitual e deberá comprimirse dalgunha maneira. Entre eses aspectos recoñeceu que "os cinco equipos galegos da Segunda División B probablemente non estén no mesmo grupo", xa que entre as formulacións atópase o de eliminar o criterio de proximidade xeográfica na elaboración dos mesmos.

Isto sería así para elaborar uns grupos 'cremalleira' nos que "o primeiro irá a un grupo, o segundo irá a outro grupo, o terceiro ao grupo do primeiro, o cuarto ao grupo do segundo... e así sucesivamente para que en función da clasificación do ano anterior se teñan en conta os méritos deportivos desa última temporada", explicou o máximo dirixente do fútbol autonómico e membro da xunta directiva a nivel nacional.

Estes criterios tamén se aplicarán a nivel galego nunha Terceira División que podería dividirse en dous grupos.