Como quedará configurada a próxima tempada a Segunda División B é a gran incógnita que deben resolver en próximas datas os organismos reitores da competición, despois da resolución da Xunta Directiva da Real Federación Española de Fútbol (para a súa ratificación na Comisión Delegada) dando por finalzada a liga regular sen descensos e con play-off exprés para determinar os ascensos.
Segundo estableceu a RFEF a categoría de bronce pasará a contar con 5 grupos de 20 equipos, 100 en total, nun ano de transición cara á reestruturación coa creación dunha Segunda B PRO cos mellores 40 clubs.
Trátase dunha medida que non era do agrado dos equipos galegos, tal e como recoñeceron xa nun primeiro momento, pero para o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán "buscouse unha solución que dese por rematada a tempada e dalgunha maneira non perxudicara á maioría dos equipos".
Louzán realizou estas manifestacións ante as cámaras da TVG, deixando no aire varios puntos importantes para a próxima tempada, que todo apunta comezará máis tarde do habitual e deberá comprimirse dalgunha maneira. Entre eses aspectos recoñeceu que "os cinco equipos galegos da Segunda División B probablemente non estén no mesmo grupo", xa que entre as formulacións atópase o de eliminar o criterio de proximidade xeográfica na elaboración dos mesmos.
Isto sería así para elaborar uns grupos 'cremalleira' nos que "o primeiro irá a un grupo, o segundo irá a outro grupo, o terceiro ao grupo do primeiro, o cuarto ao grupo do segundo... e así sucesivamente para que en función da clasificación do ano anterior se teñan en conta os méritos deportivos desa última temporada", explicou o máximo dirixente do fútbol autonómico e membro da xunta directiva a nivel nacional.
Estes criterios tamén se aplicarán a nivel galego nunha Terceira División que podería dividirse en dous grupos.