Despois do vivido no mes de xaneiro co Torneo Internacional Memorial Domingo Bárcenas de balonmán e o Campionato de España de Seleccións Territoriais, tamén de balonmán, o calendario de eventos deportivos de carácter nacional e internacional deseñado polo Concello para o 2018 volve a escena.
Durante marzo os responsables do goberno local calculan que chegarán á cidade preto de 1.300 deportistas para participar en tres eventos de consideración, en cuxos últimos detalles organizativos traballan estes días o persoal do Servizo Municipal de Deportes.
O primeiro deles será o Campionato de España Escolar e Cadete de Loitas Olímpicas, previsto para o sábado 17 de marzo no Pavillón Municipal dos Deportes coa asistencia de ao redor de 450 xóvenes deportistas. Será ademais unha cita que servirá de test para o Europeo Junior da especialidade que acollerá a Boa Vila en 2019.
Despois chegará a gran cita do mes en canto a nivel competitivo, coa fase final da Europa Cup de waterpolo feminino na piscina olímpica de Pontemuíños. Alí daranse cita as seleccións nacionais absolutas de España, Grecia, Hungría, Italia, Holanda e Rusia, nunha competición que se desenvolverá entre o 23 e o 25 de marzo.
E por último tomará a testemuña, tamén no Complexo Deportivo Rías do Sur, o Campionato de España Infantil de natación con preto de 800 deportistas do 25 ao 28 de marzo.