Os mellores saltadores cítanse un ano máis na Ponte do Burgo

Pontevedra
24 de agosto 2021

A quinta edición do Saltar  na  Rüa, que organiza a Sociedade Ximnástica, celébrase o día 28 de agosto a partir das 19.30 horas na ponte peonil coa presenza de numerosos deportistas de alto nivel convidados a esta exhibición

Presentación da quinta edición de Saltar na Rúa
Presentación da quinta edición de Saltar na Rúa / Mónica Patxot

A quinta edición do festival de atletismo Saltar na Rúa celebrarase o 28 de agosto coa Ponte do Burgo como escenario por segundo ano consecutivo. Trátase dunha demostración na que participarán atletas da Sociedade Ximnástica e deportistas convidados de primeiro nivel autonómico e nacional para realizar unha demostración de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega. 

A idea naceu fai cinco anos co obxectivo de fomentar a práctica do atletismo e achegar esta disciplina á cidadanía. "É un espectáculo digno de ver", declarou o concelleiro Tino Fernández, quen lembrou que o público poderá achegarse a ver os saltos sempre en cumprindo todas as medidas sanitarias.

A competición comezará ás 19.30 horas co salto de lonxitude, que contará coa presenza de saltadores convidados da talla de David Ferrer e Lucía Sánchez. A continuación será a quenda do triplo salto que verá elevado o seu nivel coa participación de Alba Cuns e Alfonso Palomares. Ao redor das 20.30 horas está previsto que sexa a quenda do salto con pértega, no que están rexistradas Lola Bouza e Beatriz Viteri. O cartel complétase con atletas de diversas categorías pertencentes á Sociedade Ximnástica.

"A nosa intención é dar a coñecer estas modalidades e gozar do espectáculo do atletismo", explicou Santi Ferrer, que se encargou de representar á Sociedade Ximnástica na presentación dun evento que naceu para celebrar o 90 aniversario do club decano da cidade de Pontevedra.