Os mestres internacionais dominan o Memorial Ramón Escudeiro despois de tres xornadas

Pontevedra
29 de decembro 2014

Rafael Rodríguez, Mestre Internacional da Universidade de Vigo, lidera a clasificación tras ceder un único empate nas cinco roldas disputadas

III Memorial Ramón Escudeiro de Xadrez
III Memorial Ramón Escudeiro de Xadrez / Escola Xadrez Pontevedra

Rafael Rodríguez, Mestre Internacional da Universidade de Vigo, lidera en solitario o III Memorial Ramón Escudeiro de Xadrez que se está a disputar nas instalacións do Casino Mercantil de Pontevedra.

Rodríguez conta con 4,5 puntos tras as primeiras cinco roldas da competición, seguido por un grupo de ata sete xogadores entre os que se encontran o resto de mestres internacionais inscritos e dous xogadores de clubs galegos, o santiagués Gregori Nedobora e o vilagarcián Gonzalo Bouza.

A pesar do bo comezo, batendo rivais teoricamente superiores, os locais Anxo Domínguez e Pablo Vidal non puideron na xornada de domingo repetir triunfo ante os mestres.

O torneo organizado pola Escola Xadrez Pontevedra continúa en disputa ata o martes 30, con xornadas de tarde que poden seguirse en directo no Casino Mercantil ou a través da web www.xadrezpontevedra.com.