Poio encheuse un ano máis de afeccionados ao automobilismo para vivir a primeira xornada da Subida á Escusa, na súa XIX edición.
Os motores ruxiron na estrada entre O Sartal e Monte Castrove desde primeira hora da tarde para completar unha manga de adestramentos e dous oficiais ante a atenta mirada de centos de seguidores.
Alexis Viéitez domina polo momento a clasificación xeral, tras impoñerse nas dúas pasada oficiais cronometradas e lograr xa unha importante marxe con respecto aos seus inmediatos perseguidores.
O piloto da escuadra local, o Buxa Motor Poio, encamíñase así cara ao título do Campionato Galego de Montaña, que tería practicamente na man cun triunfo na Escusa.
A XIX Subida á Escusa terá continuación este domingo desde as 9:30 horas cunha nova manga de adestramentos e os dous últimos tramos cronometrados.