Os motores volverán ruxir en agosto coa V Subida a Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
25 de xaneiro 2020

A organización da Subida a Ponte Caldelas vén de confirmar as datas para a súa quinta edición. Será os días 8 e 9 de agosto, repetindo o circuíto do ano pasado, con saída da estrada autonómica PO-244 -sentido Soutomaior- e con epicentro en Rebordelo

Reunión de Andrés Díaz coa organización da Subida a Ponte Caldelas
Reunión de Andrés Díaz coa organización da Subida a Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A organización da Subida a Ponte Caldelas vén de confirmar as datas para a súa quinta edición. Será os días 8 e 9 de agosto, repetindo o circuíto do ano pasado, con saída da estrada autonómica PO-244 -sentido Soutomaior- e con epicentro en Rebordelo.

Esta subida é das que conta cun maior número de participantes, pois na edición de 2019 foron 84 pilotos os que se inscribiron para a proba e este ano espérase superar esta cifra. 

A proba, impulsada polo Concello de Ponte Caldelas, está organizada pola Escudería Buxa Motor de Poio e forma parte do campionato galego de montaña.

O parque pechado volverá situarse na Praza de España, onde veciños e visitantes poderán contemplar os espectaculares vehículos que participan na proba e onde os dez pilotos locais terán un espazo reservado a carón da fonte luminosa.

Precisamente esta decena de pilotos locais estarán patrocinados polo Concello, que pagará a súa cota de inscrición: 275 euros.

A Subida a Ponte Caldelas é, ademais dunha importante proba do mundo do motor, un elemento dinamizador do municipio, segundo destaca o goberno local, ao encher a vila de pilotos, equipos, familiares e, sobre todo, afeccionados ao mundo do motor.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora