Os padeeiros non se moven do Pontillón: esta fin de semana, Copa de España de Novas Promesas

Pontevedra
12 de maio 2022

Á cita acudirán un total de 448 padeeiros (277 homes e 171 mulleres) procedentes de toda España, dos que 176, case un 40 %, son galegos.  

Primeira rolda da Copa de España de piragüismo Sénior e Xuvenil en Verducido
Primeira rolda da Copa de España de piragüismo Sénior e Xuvenil en Verducido /

As regatas non paran no complexo deportivo David Cal do Pontillón do Castro. Despois de organizar dúas xornadas de Copa de España consecutivas e un selectivo para probas internacionais, o embalse de Verducido acolle esta fin de semana a Copa de España de Novas Promesas sobre distancia de 1000 e 500 metros.

Organizada pola Federación Galega de Piragüismo (FGP), á cita acudirán un total de 448 padexeiros (277 homes e 171 mulleres) procedentes de toda España, dos que 176 (case un 40%) son galegos.

Tal e como explica o presidente autonómico, Alfredo Bea, “en Verducido poderemos ver competir a 562 embarcacións de categorías K-1, C-1, K-2, K-4, C-2, C-4 e Paracanoe, nun evento de máximo nivel, coa participación das nosas futuras estrelas e, polo tanto, dos padexeiros e padexeiras que dominarán o deporte a nivel europeo e mundial e que seguirán a ensanchar o palmarés de medallas de Galicia e de España”.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, amosou a súa “enorme satisfacción coa historia de amor e colaboración institucional que a cidade de Pontevedra ten co piragüismo e coa Federación, acollendo case cada semana eventos dunha calidade estratosférica”. O edil do PSOE convidou “a amantes deste deporte e a aqueles que non o coñecen tanto a achegarse ata o Pontillón para desfrutar desta disciplina de sprint, que é emocionante e espectacular como poucas”.

As probas desenvolveranse o sábado 14 de 9 a 13.30 e de 16 a 20:00 horas, así como o domingo 15 entre as 9 e as 13:20 horas.