A Alameda de Pontevedra tivo, este sábado, máis ambiente que o de costume. Acompañados de bo tempo e á sombra das árbores do parque, persoas de todas as idades tomaron parte na primeira edición da Festa da Petanca da cidade.
A cita reuniu a unha ducia de equipos procedentes de diferentes parroquias do municipio, que realizaron unha pequena competición. A finalidade da mesma non era a de establecer gañadores e perdedores, senón gozar do pasatempo favorito de cada vez máis xente. Por iso, os petanqueiros dispuxeron de cinco pistas nas que, a partir das 16:00 horas, foron disputando as diferentes cruces entre equipos. Pero, ademais, unha a maiores na que todo aquel interesado en aprender a xogar puidese facelo acompañado polos mellores de Pontevedra.
Sen dúbida, unha gran celebración que ten todas as papeletas para repetir o próximo ano con máis festa e, sobre todo, máis petanqueiros.