Os problemas físicos, unha dor de cabeza para o Teucro ante a fase máis cargada do calendario

Pontevedra
29 de novembro 2018

Varios xogadores do equipo pontevedrés arrastran problemas físicos que lle impediron adestrar con normalidade nos últimos días, xusto cando chegan unha fase de competición con 4 partidos en apenas 12 días

Partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal
Partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal / Diego Torrado

As dúas últimas vitorias en liga relanzaron non só as aspiracións do Teucro de permanencia na Liga Asobal, senón tamén o optimismo no club pontevedrés.

Con todo un problema en forma de lesións afoga aos de Luís Montes xusto antes de entrar na fase máis cargada do calendario.

Os azuis disputarán 4 partidos de liga en apenas 12 días, ao que se suma a eliminatoria de Copa do Rei ante o Torrelavega (19 e 22 de decembro) antes do parón do Nadal.

O primeiro deses choques será o do sábado 1 de decembro ante o Atlético Valladolid no Municipal, para viaxar o martes 4 á cancha do intratable Barcelona e recibir o día 8 ao Cangas na casa nun duelo sinalado como clave na pelexa por eludir a zona baixa da táboa. Despois, de novo entre semana, chegará un longo desprazamento a Benidorm (12 de decembro).

Todo isto avecíñase xusto cando varios dos xogadores importantes nos esquemas de Luís Montes non puideron adestrar con normalidade nos últimos días por diversos problemas físicos. 

Iván Fernández, Juan Quintas e Carlos Gehrhardt, que xa se perderon o último encontro en Cuenca, continúan con molestias, mentres que á lista sumáronse homes como Dani Hernández e Fafa Cangiani.

Toda unha dor de cabeza para o técnico azul, xa que aínda que algún forzará para estar co equipo especialmente nos dous choques que xogarán como locais ante Valladolid e Cangas, resultará difícil poder contar co plantel ao completo.