Os xogadores do Pontevedra plantan o adestramento pola falta de pagamento

Pontevedra
12 de marzo 2014

O primeiro plantel non se presenta á sesión programada para este mércores tras descansar na xornada do martes. O club adebeda entre tres e catro mensualidades e comprometérase a aboar parte das cantidades pendentes esta mesma semana

O primeiro equipo do Pontevedra decidiu non adestrar este mércores a causa da falta de pagamentos que arrastran dende hai varios meses.

Tras descansar na xornada do martes, como vén sendo habitual na programación semanal, o equipo dirixido por Manu Fernández tiña que ter retomado a súa preparación nun dos dous campos da Xunqueira, pero nin xogadores nin corpo técnico se presentaron á sesión e nin sequera acudiron ao Estadio Municipal de Pasarón.

Ante esta situación, e tras intentar contactar cos dous primeiros capitáns do equipo, David Pérez explicou a PontevedraViva que a decisión de non adestrar se debe a "que hay gente tocada que hay que recuperar, y mañana hay partido y pasado de nuevo entrenamiento".

Segundo o centrocampista "el tema económico es algo preocupante y de lo que venimos hablando. Tendrán que buscarnos una rápida solución", explicando ademais que a decisión de non adestrar foi consultada con Manu Fernández e que o xoves si disputarán o partido de Copa Deputación.

O club adebeda entre tres e catro meses ao plantel

O Pontevedra adebeda actualmente entre tres e catro meses ao plantel, dependendo o caso de cada xogador e tendo xa en conta o mes de febreiro, comprometéndose o club a aboar gran parte do adebedado esta mesma semana.

De feito, segundo puido saber este medio, a entidade granate recibiu esta semana unha achega económica correspondente a subvencións, o que tería permitido desbloquear uns pagamentos que xa se terían iniciado e que se completarían durante a xornada do xoves.

De confirmarse estas transaccións, o plantel estaría disposto a recuperar o adestramento perdido exercitándose o próximo sábado, día no que habitualmente o corpo técnico outorga descanso.