Os xogadores do Pontevedra póñense ao día co regulamento

Pontevedra
28 de agosto 2015

O equipo granate recibe unha charla impartida por dous colexiados galegos sobre os cambios no regulamento. Capi, única baixa para Cáceres, aínda que Pedro García é dúbida

Charla arbitral aos xogadores do Pontevedra
Charla arbitral aos xogadores do Pontevedra / Mónica Patxot

O primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol recibiu este xoves a visita de dous colexiados galegos coa intención de explicarlles os cambios no regulamento que entraron en vigor a presente tempada.

Trátase dunha iniciativa promovida polo Comité Técnico de Árbitros e a Federación Galega de Fútbol coa intención de evitar situacións polémicas durante os partidos.

Unha vez rematado o adestramento, desenvolvido no Estadio Municipal de Pasarón, os granates atenderon ás explicacións de Alejandro Muñiz e Anxo Fariña, árbitro e asistente respectivamente en Segunda División B.

Con esta formación e con case todo o plantel dispoñible, os xogadores pontevedreses afrontarán o seu primeiro desprazamento da tempada para enfrontarse este domingo, finalmente ás 12:00 horas, ao Cacereño.

A cita perderaa con seguridade Capi, expulsado o pasado domingo, pero o resto do equipo ten posibilidades de entrar na convocatoria.

Jacobo, que empezou a semana con problemas no nocello, adéstrase xa co resto do grupo, aínda que preocupa o estado de Pedro García, que arrastra molestias musculares que lle impediron render ao 100% durante a semana.