O Teucro comeza a nova tempada esta fin de semana e para quentar os ánimos da afección deseñaron, este martes, un Día Azul cheo de actos en plena rúa para promocionar o deporte na cidade e dar a coñecer aos xogadores do primeiro plantel.
O club instalou unha cancha provisional de balonmán na Avenida de Monterio Ríos na que, durante toda a mañá, os xogadores do primeiro equipo disputaron divertidos partidos con nenas e nenos de todas as idades, que demostraron con algúns goles de bela factura que o futuro deste deporte na cidade está garantido.
Nunha carpa, os traballadores do club ofrecían información a todos os interesados sobre as escolas deportivas e a campaña de socios. O próximo ano o Teucro celebra o seu 75 aniversario e para celebralo marcáronse o ambicioso reto de superar a barreira dos 1.500 abonados.
Pola tarde, ás 20 horas na Praza do Teucro, está prevista a presentación oficial do primeiro persoal.