Óscar Graña imponse no C-2 dun Descenso do Miño que coroa a Antonio Palmás e Brais Sánchez

Pontevedra
16 de agosto 2015

O padexeiro pontevedrés foi o mellor na canoa dobre xunto ao seu compalero no Kayak Tudense Daniel Costa. Pola súa banda Palmás e Sánchez (K-2), do Piragüismo Vilaboa, foron os primeiros en chegar á meta situada en Tui despois de percorrer os 17 quilómetros dende Salvaterra de Tui. En C-1 feminino triunfou a pontevedresa Raquel Rodríguez

Saída do Descenso do Miño Federación Galega Piragüismo

Gran xornada de piragüismo no sur da provincia coa disputa do Descenso do Miño, proba que congregou preto de 650 padexeiros de 46 clubs de España e Portugal.

O pontevedrés Óscar Graña, xunto ao seu compañeiro do Kayak Tudense Daniel Costa, demostrou o seu dominio da distancia impoñéndose con solvencia na categoría de C-2 cun tempo de 1 hora, 8 minutos e 35 segundos.

En K-2 a vitoria foi para os padexeiros do Piragüismo Vilaboa Antonio Palmás e Brais Sánchez, que foron os primeiros en completar os 17 quilómetros de percorrido entre Salvaterra e Tui (1:00:4), demostrando o seu bo momento tras ser terceiros hai unha semana no Sella.

Ademais no C-1 feminino triunfou Raquel Rodríguez (Ciudad de Pontevedra), mentres no resto de categorías sénior se impuxeron Iván Alonso (Kayak Tudense) e Noelia Moledo (Ría de Aldán) en K-1 e Manuel Mosquera (Ría de Betanzos) en C-1.

Consulta as clasificacións completas da regata.