Outra derrota axustada para un combativo Peixe Galego en Burgos (69-67)

Marín
12 de novembro 2016

Do mesmo xeito que o encontro disputado entre semana na Raña, os de Marín cederon por pequenos detalles nun apertado final e ségueselles resistindo a súa terceira vitoria da tempada

Jason Cain durante o partido de Copa Galicia entre Peixe Galego e Breogán
Jason Cain durante o partido de Copa Galicia entre Peixe Galego e Breogán / Cristina Saiz

A moeda volveu saír cruz. A fortuna foi esquiva ao Peixe Galego en Burgos e, do mesmo xeito que o pasado martes na Raña, volveron ceder nun apertado final de partido.

A terceira vitoria da tempada resísteselles aos de Marín, que a pesar diso están a pelexar cada encontro.

Na pista do San Pablo Inmobiliaria Burgos, os de Javi Llorente repuxéronse aos bos minutos iniciais do cadro local, e tras chegar ao final do primeiro cuarto 18-11 por baixo no marcador, foron mellorando para marchar con vantaxe ao decanso (31-32).

Javi Vega comandou un novo arreón local no terceiro pacial (57-49), pero o Peixe con Miso (16 puntos) e Derksen (17) como máximos anotadores e o recentemente chegado Alec Kobre achegando desde a liña de tres (4 de 6) volveron remontar para chegar con opcións ao último minuto, ata que sentenciou unha canastra de Steinarsson para o Burgos.

A derrota, a sexta consecutiva, deixa nunha situación comprometida aos de Marín con dous partidos gañados e sete perdidos. Terán unha nova opción de retomar o pulso á LEB Ouro o vindeiro sábado 19 na Raña ante un rival directo, o Cáceres Patrimonio de la Humanidad.

Consulta as estatísticas do San Pablo Inmobialiaria Burgos-Marín Peixe Galego.