Pablo Alfaro: "A afección é un activo do Pontevedra que non se debe perder nunca"

Pontevedra
22 de agosto 2015

Pablo Alfaro visitou Pontevedra, acompañado do seu segundo Miguel Alonso e do doutor Alberto Domínguez. Estivo en Pasarón saudando a Rafa Vidal e Tomé e adiantou a PontevedraViva a súa fichaxe por Televisión Española, para exercer como comentarista no programa Estudio Estadio

Miguel Alonso, Pablo Alfaro (no centro) e o doutor Alberto Domínguez
Miguel Alonso, Pablo Alfaro (no centro) e o doutor Alberto Domínguez / Pontevedraviva

Chegou ao Pontevedra en novembro de 2009 para substituír a Roberto Aguirre. Era a súa primeira experiencia como adestrador tras a súa exitosa carreira profesional como xogador en activo. Pablo Alfaro, central de raza e carácter, tan duro e expeditivo, dentro do campo como amable, cordial e educado fora del.

Á fronte dos granates rozou a gloria ao clasificarse na última xornada para o play-off de ascenso, tras unha apaixonante recta final da liga, cun memorable partido a cara de can fronte ao Deportivo Alavés, en Mendizorrotza. Logo superou a primeira eliminatoria, épica no Carlos Tartiere, deixando na cuneta o Real Oviedo. Ata que no camiño se cruzou unha AD Alcorcón que aquel ano deu a sensación de ter que ascender por "decreto".

Foi o comezo do perigoso declive institucional e deportivo dun Pontevedra que un ano máis tarde caía no abismo da Terceira División.

Dende a distancia, Pablo Alfaro non deixou de seguir con atención a traxectoria dun club ao que leva no corazón e sempre que pode escápase a facer unha visita aos numerosos amigos que por aquí deixou. Encontrámolo acompañado de dúas persoas que compartiron corpo técnico e médico con el. Miguel Alonso, o seu segundo no banco, que seguiuno en todos os clubs da súa carreira como técnico, e que lle fai de anfitrión en Moaña, e o doutor Alberto Domínguez.

Antes, Pablo Alfaro non deixara de visitar Pasarón para saudar homes como Rafa Vidal ou Tomé, que recorda sempre cun cariño especial. PontevedraViva encontrou o técnico e os seus acompañantes na cafetaría do Hotel Rías Baixas e puido manter unha agradable charla co técnico, que desexou moita sorte ao Pontevedra e adiantou os seus proxectos inmediatos, mentres espera ter a oportunidade de regresar aos banquiños.

- Que ten Pontevedra que te marcou tanto que dende que te fuches non perdes a oportunidade de aparecer por esta terra?

- Pois que estiven moi a gusto e fun moi feliz aquí. Foi unha tempada moi bonita, agora recordabámolo co doutor (Alberto Domínguez) e con Miguel (Alonso). Estivemos cerquiña de ascender a Segunda A. Recordo partidos como o de Vitoria e Oviedo nos que gozamos moito. Iso sempre o levas no corazonciño, Pontevedra foi o primeiro sitio que apostou por min como adestrador, aos mandos entón de Nino Mirón, e de ben nacidos é ser agradecido.

- Como ves na distancia a este Pontevedra?

- Dende a distancia, que sempre un o segue máis, sobre todo que xa volve ao sitio mínimo que ten que estar. É unha categoría nacional e despois de catro anos a cidade creo que o vai agradecer. O club merecíao e a partir de agora traballar, como moita ilusión e con moitos retos importantes.

- Eu sei que cada xornada sempre miras o resultado que fixo o Pontevedra.

- Si, sempre. Xa cho dixen. É un equipo que me marcou por iso de que a primeira vez na vida que nunca se esquece. Desexando que o faga moi ben, que a Luisito lle saia a tempada estupendamente e que o club volva ser ese Pontevedra poderoso e importante, que todo o mundo sentía moito orgullo del.

- Esta é unha Segunda B moi diferente á que ti viviches aquí.

- Evolucionou. Notouse a crise económica nos equipos. Como consecuencia diso hai un perfil de futbolista de Segunda B e Segunda A que marchou a xogar ao estranxeiro, a países emerxentes ou países que hai catro ou cinco anos non se ían. Todo iso fai que evolucionase, aínda que o grupo que lle tocou ao Pontevedra segue tendo equipos poderosos, que fai pouquiño estaban moi arriba, pero iso faino tamén atractivo e máis despois de estar a peregrinar catro anos polos campos de Terceira División, con todos os respectos, o afeccionado do Pontevedra xa ten ganas de ver pasar por aquí ao Rácing de Santander, Logroñés, Cultural e volve tamén o fútbol co balón Adidas.

- Ti viviches a paixón dunha fase de ascenso con Pasarón cheo e sen dúbida sabes que este foi tamén espectacular con 12.000 persoas en dous dos partidos. Esta afección de Pontevedra merece moito máis, non?

- Claro. Estabámolo a falar. Está moi recente, tres partidos dun play-off que se alongou posiblemente máis do que tiña que ter sido. Iso fai que se enganchase moita xente porque o final foi feliz. Iso hai que aproveitalo para que os afeccionados históricos do club vexan como novas xeracións se van sumando. É un activo do club que non se debe perder nunca.

"Inicio un proxecto novo en televisión. Estarei de comentarista en Televisión Española con Juan Carlos Rivero no Estudio Estadio"

- Despois do Pontevedra, Recreativo de Huelva, Leganés, Huesca, Marbella, e agora que?

- Pois agora tranquilidade. Iniciamos un proxecto novo en televisión, dentro de moi pouquiño. Estarei de comentarista en Televisión Española con Juan Carlos Rivero no Estudio Estadio, e aberto ás opcións que nunca sabe onde poden estar. Volveremos dar guerra, seguro. O meu obxectivo é volver aos bancos, o león que levas dentro pídeche iso, pero tamén é bonita a experiencia da televisión e poder falar de fútbol, que é o que máis nos gusta.

- Estarás en Pasarón no debut ligueiro?

- Pois non vou poder. Fixemos toda a viaxe para estar e a última hora xurdiume un compromiso profesional que me obriga a irme a Madrid o mesmo sábado, pero ben, algún outro día achegareime.