Nova xornada brillante do piragüismo galego no Campionato do Mundo Júnior e Sub23 de piragüismo sprint que se está celebrando na localidade portuguesa de Montemor-o-Velho.
A embarcación formada polo pontevedrés Pablo Crespo e o madrileño Daniel Grijalba conquistou a medalla de ouro na final do C2 500 sub23 ao asinar un tempo de 1:43.31.
A dupla española cruzou con máis de dous segundos de vantaxe sobre os brasileiros Gabriel Nascimento e Mateus Santos (1:45.99) e con case tres sobre os ucraínos Volodymyr Savchyn e Taras Kuzyk, que foron terceiros cun rexistro de 1:46.14.
Tamén houbo representación galega e medalla na final do C2 500 júnior masculino da man de Antón Lagares (Ría de Betanzos) e Raúl Fernández (As Torres-Catoira).
Os padeeiros españois lograron a medalla de bronce, cruzando a meta nun tempo de 1:50.05, a 0,89 segundos dos gañadores.
O ouro foi para a dupla bielorrusa formada por Yahor Auchynnikau e Vadzim Lychou, que pararon o crono en 1:49.16, mentres que a prata lla levaron os chineses Haozhe Zhang e Junhang Mao, cun rexistro de 1:49.56, a 0,40 segundos dos primeiros.
Pola súa banda, a embarcación do C4 sub23 500 metros foi oitava cunha marca de 2.02.80, coa presenza de con Claudia Couto (EP Ciudad de Pontevedra), Valeria Oliveira (Piragüismo Poio), Elena Gómez-Millán e Ana Canter.
As españolas cruzaron a meta a pouco máis de oito segundos dos primeiros postos.
Finalmente, na categoría júnior, a embarcación integrada por Marta Candón, Marta Castiñeiras (Club As Torres), Aitana Montilla e Silvia Gago (Club Náutico O Muiño de Ribadumia) concluíu na novena posición na final do C4 500 metros, cun tempo de 2:06.18.