Pablo Dapena, a confirmar o seu bo momento de forma no Challenge Riccione

Pontevedra
06 de maio 2021

O pontevedrés, tras o seu brillante segundo posto en Gran Canaria tras o intratable Jan Frodeno, volve á acción este domingo 9 de maio en Italia nunha proba na que terá competidores de gran nivel como o alemán Sebastian Kienle

Pablo Dapena no Dúatlon 'Movéndonos por Poio'
Pablo Dapena no Dúatlon 'Movéndonos por Poio' /

Ata Italia desprázase esta semana Pablo Dapena para continuar coa súa tempada e participar no Challenge Riccione.

A proba, prevista para o vindeiro domingo 9 de maio, será unha oportunidade para que o pontevedrés demostre o seu bo momento de forma, tras o seu brillante segundo posto no Challenge Mogán-Gran Canaria só superado polo intratable Jan Frodeno, actual campión mundial Ironman.

En Riccione, localidade situada na costa de Emilio-Romana, Dapena afrontará unha carreira de media distancia (1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé) con serias aspiracións de podio.

En todo caso en fronte o campión mundial de longa distancia terá duros rivais, destacando o alemán Sebantian Kienle, campión mundial Ironman en 2014 e con quen xa compartiu o 'World Bonus' da franquía Challenge en 2018. Tamén figuran na lista de saída o alemán Andi Boecherer, o suízo Ruedi Wild ou o belga Pieter Heemeryck, entre outros.

A carreira profesional masculina do Challenge Riccione dará comezo ás 9.30 horas da mañá do domingo.