Pablo Dapena e Saleta Castro, "con ganas" de dar a batalla no Mundial de longa distancia de Almere

Pontevedra
09 de setembro 2021

Os dous triatletas pontevedreses serán a principal baza nacional no Mundial que se celebra este domingo 12 de setembro en Almere, Países Baixos, e que sucede ao de Pontevedra 2019. Dapena, entre os candidatos a medalla, espera unha carreira "moi esixente"

Saleta Castro, Pablo Dapena e Javier Gómez Noya na rolda de prensa previa ao Mundial de Pontevedra
Saleta Castro, Pablo Dapena e Javier Gómez Noya na rolda de prensa previa ao Mundial de Pontevedra / Xan Xiadas

Máis de dous anos despois do inesquecible ITU Multisport de Pontevedra, que reuniu na Boa Vila os campionatos do Mundo cinco especialidades do tríatlon, a localidade de Almere, nos Países Baixos, toma a remuda coa que será igualmente una das citas do ano para o tríatlon pontevedrés.

Alí estarán dous deportistas locais como Pablo Dapena e Saleta Castro dispostos a dar batalla no Mundial de tríatlon de longa distancia, sendo as principais bazas nacionais da especialidade.

Dapena, campión mundial en 2018 e subcampión en 2019 competindo na casa, preparou a conciencia a cita, na que parte como un dos aspirantes aos primeiros postos. Non será con todo unha tarefa sinxela, empezando porque a carreira disputarase en distancia 'full', a mesma que os Ironman con 3,9 quilómetros de natación, 180 de ciclismo e un maratón final a pé (42,2 quilómetros). Será a segunda ocasión que o pontevedrés afronte tal reto, tras Madrid 2018, nunha cita que ademais pode consolidarlle á fronte do ranking World Bonus da franquía Challenge Family.

"É o primeiro full que preparo conscientemente. Hai moito traballo detrás e as sensacións polo menos son que o traballo está feito", recoñeceu a  PontevedraViva o triatleta a poucas horas de poñer rumbo aos Países Baixos.

Pablo Dapena: "É un Mundial, é moi esixente e o nivel vaino facer moi grande"

"É un Mundial, é moi esixente e o nivel vaino facer moi grande", recoñece sinalando como gran perigo a xente como o estadounidense Andrew Starykowicz, o sueco Jesper Svensson ou o seu compañeiro de equipo Kristian Høgenhaug (Dinamarca): "Son moi rodadores e eu parto con ese déficit, pódenme meter tranquilamente unha malleira na bici, pero cada un xoga as súas bazas, e tentará facer o que poida para sacar o mellor de si", avanza.

O percorrido, completamente chairo tanto na bicicleta como na carreira a pé, será un dos condicionantes mirando especialmente á posibilidade de que sopre vento e porque "aquí o plano é complicado adestralo", sinala un Dapena que a pesar de todo asegura chegar "con ganas".

En Almere, e como única representante española na súa proba, estará tamén Saleta Castro, no seu caso cun obxectivo claro: "A ver se melloro o meu posto de Pontevedra, que fun novena. Vou tentar pelexar polo top-8", asegura.

Saleta Castro: "Vou con moitos nervios, coma se fose a miña primeira carreira, pero con moitas ganas"

"O meu estado de forma é moi bo. Prepareino durante todo o verán en Pontevedra", explica Saleta tras unha preparación guiada polo seu novo adestrador, Víctor Arroyo, e tras superar unha pequena caída hai poucas semanas.

"Estou moi motivada e con moitas ganas porque é o primeiro Ironman despois do covid, o último foi en Frankfurt onde quedei quinta en 2019. Vou con moitos nervios, coma se fose a miña primeira carreira, pero con moitas ganas", explica a pontevedresa.

Para ela "a priori as rivais fortes son as danesas Michelle Vesterby e Camilla Pedersen, e logo está a francesa Manon Genet que foi cuarta en Pontevedra", sinala aínda que sen querer mirar moito ao resto de competidoras, porque "eu teño que facer os meus números e se todo sae ben espero estar a pelexar aí ".

O Campionato Mundial de Tríatlon de Longa Distancia de Almere disputarase o vindeiro domingo 12 de setembro con saída ás 7.00 horas da mañá para os profesionais de categoría masculina e ás 7.05 horas para as de categoría feminina.