Pablo Dapena estará na Gran Final das Series Mundiais de tríatlon, en Cozumel

Pontevedra
10 de setembro 2016

O seu gran final de tempada, na que logrou o bronce no recente campionato de España, fixo que o seleccionador nacional o convocase para a decisiva cita. A súa misión será a de axudar a Mario Mola nos dous primeiros sectores de carreira, xa que o balear xogarase en México o título mundial

Pablo Dapena durante unha competición
Pablo Dapena durante unha competición

Non estaba nos seus plans pero o seu sobresaliente final de tempada abriulle as portas dunha das probas máis importantes do calendario internacional.

Pablo Dapena competirá o próximo 18 de setembro na Gran Final das Series Mundiais de tríatlon, na localidade mexicana de Cozumel.

O seleccionador nacional decidiu chamar ao triatleta pontevedrés, bronce hai poucos días no Campionato de España, para apoiar a Mario Mola, que buscará na Gran Final o título mundial.

A misión de Dapena será a de axudar ao seu compañeiro de selección na natación e principalmente no sector ciclista, tentando evitar que se repita o panorama de carreira dos Xogos Olímpicos, cando os irmáns Brownlee fixeron un corte na primeira transición e marcaron distancia na bicicleta ante a falta de entendemento do grupo perseguidor.

Ademais de Pablo Dapena e Mario Mola, competirán na cita mexicana dentro do equipo nacional Fernando Alarza e Vicente Hernández.

A pesar da sorpresa e que non tiña pensado esta tempada participar neste tipo de probas en distancia olímpica, o deportista pontevedrés aceptou o reto porque é "una oportunidad única y muy difícil dejarla pasar", recoñeceu na súa conta de Twitter.