Pablo Dapena estrea a súa tempada internacional cun decimoquinto posto en Wollongong (Australia)

Pontevedra
09 de marzo 2015

Agridoce debut para o pontevedrés Pablo Dapena na súa tempada internacional. O triatleta finalizou na décimo quinta posición na Copa de Triatlón Sprint de Oceanía, celebrada esta fin de semana en Wollongong, localidade situada no sueste australiano

Pablo Dapena (dereita) durante a Copa do Mundo de Cartagena de Indias
Pablo Dapena (dereita) durante a Copa do Mundo de Cartagena de Indias

Agridoce debut para o pontevedrés Pablo Dapena na súa tempada internacional. O triatleta finalizou na décimo quinta posición na Copa de Tríatlon Sprint de Oceanía, celebrada esta fin de semana en Wollongong, localidade situada no sueste australiano.

"Sen chispa, sen ritmo de competición, sen capacidade para para ir rápido nin para sufrir", explicaba Dapena sobre as súas sensacións durante a proba, composta por 750 metros de natación, coa saída situada en Belmore Basin, 20 quilómetros sobre a bicicleta ao longo de tres voltas e 5 quilómetros finais de carreira a pé, nunha única volta que transcorreu pola coñecida 'Blue Mile'.

O triatleta local Jacob Birtwhistle confirma os prognósticos que o situaban como un dos favoritos e conseguía a vitoria. O australiano compartiu podio co alemán Christopher Hettich e o canadense Tyler Mislawchuk, segundo e terceiro respectivamente.

Nunha meritoria quinta praza finalizou o galego Uxío Abuín, que entrou cun tempo de 55:44; mentres que Pablo Dapena foi décimo quinto con 56:19, a un minuto e 21 segundos do gañador.

A seguinte proba do triatleta pontevedrés será a proba da Copa do Mundo que se disputará Mooloolaba (Australia) o próximo 14 de marzo.