Padexeiros de dez países cítanse no Pontillón do Castro na Nelo Winter Challenge

Pontevedra
06 de marzo 2014

O húngaro Attila Vajda, campión olímpico e do Mundo, será unha das principais referencias da competición, que se disputa en Verducido o sábado 8 e o domingo 9 de marzo

Copa de España 1.000 metros de 2013 no Pontillón do Castro
Copa de España 1.000 metros de 2013 no Pontillón do Castro / Diego Torrado

O húngaro Attila Vajda, ouro olímpico e tres veces campión do Mundo, será a principal referencia da Nelo Winter Challenge, que se disputa o próximo sábado 8 e domingo 9 de marzo no encoro de Pontillón do Castro.

Vadja, un dos principais rivais de David Cal ao longo da súa carreira, non coincidirá en Verducido co galego, pero si con algúns dos mellores padexeiros do continente, como o actual campión de Europa de C-1 200 e bronce olímpico, o lituano Jeugenij Shoklin.

A competición contará con preto de 600 deportistas nas diferentes categorías, con equipos tan potentes como o ruso e o francés. Ademais haberá padexeiros de Dinamarca, Letonia, Portugal, Lituania, Túnez e Alxeria.

En canto ao equipo español, dous campións olímpicos confirmaron a súa presenza en Pontevedra. Trátase de Saúl Craviotto e Carlos Pérez Rial 'Perucho'.

As probas, para as categorías sénior, júnior e cadete, disputaranse sobre as distancias de 1.000, 500 e 200 metros, arrancando a competición o sábado ás nove da mañá.

O primeiro día prolongarase ata as 19:00 horas, mentres o domingo a xornada se desenvolverá exclusivamente en horario matinal.