Para empezar o ano, derbi provincial ante o Celta B

Pontevedra
06 de xaneiro 2018

Pasarón agarda ver reaccionar ao seu equipo este domingo (17:00 horas) ante o Celta B no primeiro partido oficial de 2018. Kevin Presa por sanción e Prosi por lesión caen da primeira convocatoria de Luismi como adestrador do Pontevedra

Adestramento do Pontevedra en Poio
Adestramento do Pontevedra en Poio / Mónica Patxot

Ano novo, novo adestrador e primeira oportunidade do Pontevedra para demostrar que quere deixar atrás o seu mal inicio da tempada.

O público do Estadio Municipal de Pasarón espera ver reaccionar ao seu equipo no arranque da segunda volta, coa visita este domingo (17:00 horas) do filial do Celta de Vigo, para afastar a pantasma do descenso.

Luismi tivo dúas semanas para preparar o choque e facer méritos para opositar ao posto de adestrador do primeiro plantel ata final de curso, o que pasa por vencer e convencer ante o actual cuarto clasificado do Grupo I da Segunda División  B.

O técnico non poderá contar para a súa estrea con Kevin Presa por sanción e tampouco con Prosi por lesión, debido a molestias musculares, provocando novidades polo menos na liña medular. O resto de xogadores do plantel foron citados para o encontro. 

Tampouco estará no céspede Víctor Mongil, primeira saída no mercado invernal e que xa asinou co Atlético Levantino da Terceira División ata o final de tempada. 

O colexiado designado para dirixir o choque é o castelán-leonés Fernando Román Román.