Partido de altos voos para o Poio Pescamar ante o líder Burela

Poio
16 de novembro 2018

As vermellas buscan reivindicarse tras o seu tropezo da última xornada ante un Burela que chega ao pavillón da Seca como invicto. O duelo será ofrecido en directo pola segunda canle da TVG

Banco do Poio Pescamar no partido ante o Guadalcacín
Banco do Poio Pescamar no partido ante o Guadalcacín / Diego Torrado

Máis que tres puntos poñeranse en xogo este sábado (18:30 horas) no Pavillón Municipal da Seca para un Poio Pescamar que busca reivindicarse e esquecer a derrota sufrida ante o Jimbee Roldán.

As vermellas reciben a visita do líder e invicto Burela, primeiro clasificado con 21 puntos nas sete xornadas disputadas. Sétimo é o Poio con 12 puntos, pero con dous partidos menos.

O equipo adestrado por Dani Díaz quere dar un golpe encima da mesa e confirmarse como aspirante aos postos de honra da clasificación. Unha oportunidade que se brinda ante un cadro lucense deseñado para pelexar polo título.

A falta de que se concrete a chegada do reforzo brasileiro co que a directiva pretende apuntalar ao equipo tras a lesión de Antía Pérez, o técnico botará man do resto do plantel conserveiro.

Xogadoras do primeiro equipo e membros do corpo técnico repartiron nas últimas horas invitacións nos centros educativos coa intención de lograr que as bancadas da Seca luzan o ambiente das grandes citas.

O encontro será retransmitido en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia.