Partido polo liderado entre Teucro e Palma del Río no Municipal

Pontevedra
09 de decembro 2016

O Pavillón Municipal dos Deportes vestirá este sábado (20:30 horas) as súas mellores galas para recibir ao líder da División de Honra Prata, do que o Teucro está a un só punto de distancia, nun duelo que pode ser clave na loita polo ascenso directo. Os acompañantes dos socios recibirán unha entrada de balde se achegan un quilo de alimentos non perecedoiros na recollida solidaria organizada polo club  

Carlos García e Samu Gómez nun adestramento do Teucro no Municipal
Carlos García e Samu Gómez nun adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra lucirá este sábado (20:30 horas) as súas mellores galas para un partido de altos voos entre dous dos claros candidatos ao ascenso á Liga Asobal de balonmán, a Sociedad Deportiva Teucro e o Palma del Río.

Os azuis, despois de dez xornadas sen perder, están a un punto do seu rival, colíder da clasificación, polo que o choque pode resultar vital para o desenvolvemento da competición.

"Llevan algunos años haciendo las cosas bien, con un proyecto sólido", recoñece Quique Domínguez falando do cadro andaluz, un equipo que "está jugando francamente bien, con mucha confianza".

A pesar diso o técnico pontevedrés móstrase convencido de que "somos capacez de ganarle a cualquiera", e parte coa intención de "acabar la primera vuelta lo más arriba posible, si es en el primer puesto mejor".

A boa noticia no Teucro é que a única baixa para o choque será a do lesionado Rial, xa que Johnny Medina, amenzado de sanción, poderá xogar ao recibir a confirmación da Federación Española. O xogador brasileiro foi descalificado o mércores en Barcelona, reflectindo despois o acta que se lle mostrou o cartón azul, que carrexaría sanción, pero o comité de competición non se reunirá ata a próxima semana, polo que non causará baixa para este importante partido.

O club azul espera ademais unha boa entrada no Municipal para que o seu público axude a conseguir unha vitoria importante. Para lograr aumentar a asistencia de afeccionados, o club decidiu ademais regalar unha entrada a cada acompañante de socio que participe achegando un quilo de alimentos non perecedoiros á recollida solidaria organizada en beneficio do Comedor Social de San Francisco.

Arbitrará o encontro Colmenero Guillén e Rollán Martín, do colexio territorial de Castela e León.