Paso á fronte do equipo feminino do TM Monte Porreiro coa incorporación de Claudia Canay

Pontevedra
06 de outubro 2021

O conxunto pontevedrés fichou para o seu primeiro equipo feminino unha das xogadoras máis prometedoras do tenis de mesa galego e nacional, como reflicte o feito de que sexa a actual campioa do Torneo Estatal Sub-23

Claudia Canay nun partido con TM Narón
Claudia Canay nun partido con TM Narón

O Tenis de Mesa Monte Porreiro reforza a súa aposta polo seu equipo feminino de División de Honra, co obxectivo de pelexar polo ascenso á máxima categoría, a Superdivisión.

Esa aposta traduciuse coa fichaxe da naronesa Claudia Canay, unha das xogadoras máis prometedoras do panorama galego e nacional, como demostra o feito de ser a actual campioa do Torneo Estatal Sub-23.

Trátase dunha deportista con experiencia a pesar da súa mocidade, e que formará equipo esta tempada no Monte Porreiro con outras xogadoras galegas como Judith Cobas, Noelia Santiago e Noa Bernárdez ademais das xóvenes Laura Forte e Mariña García.

"É un cambio que tiña ganas de facer", sinalou a PontevedraViva a xa ex-xogadora do TM Narón coa ilusión de "crecer deportivamente aquí e vivir novas experiencias".

Ademais de manterse no top-5 do ranking nacional, Claudia Canay fala abertamente de que na súa estancia en Pontevedra uno dos obxectivos será "poder xogar Superdivisión, non sei se a tempada seguinte ou a próxima". 

MIGUEL ÁNGEL VÍLCHEZ, COA SELECCIÓN ESPAÑOLA ABSOLUTA

Outra das boas noticias das últimas horas no Tenis de Mesa Monte Porreiro está no seu equipo masculino, coa primeira chamada a un dos seus xogadores a unha convocatoria da Selección Española Absoluta.

Trátase de Miguel Ángel Vílchez, xogador con ampla traxectoria internacional e que pasa por ser un dos novos reforzos do equipo esta campaña. Vílchez foi citado para defender a España na WTT Contender Lasko, torneo do circuíto mundial que se celebrará entre o 1 e o 7 de novembro en Eslovenia.