Paso adiante do Club Ciclista Farto co seu equipo feminino

Pontevedra
03 de decembro 2018

O segundo ano do proxecto deportivo do equipo pontevedrés botou a andar con 21 ciclistas no seu plantel e o obxectivo de camiñar cara ao profesionalismo

Concentración de pretempada do Club Ciclista Farto
Concentración de pretempada do Club Ciclista Farto / Club Ciclista Farto

No seu segundo ano de vida, o proxecto do Club Ciclista Farto para o seu equipo feminino bota andar coa mirada posta no profesionalismo.

A escuadra pontevedresa quere converterse no primeiro conxunto profesional feminino de Galicia, baixo a dirección técnica de Marcos Serrano e Luís Méndez.

Para iso o Aleata-Farto reforzouse ata configurar un plantel de 21 corredoras, entre as que se atopan as principais expoñentes do ciclismo autonómico, deportistas doutras comunidades e mesmo do estranxeiro, como a arxentina Antonella Núñez, a portuguesa Elisabete Lopes ou a súa última fichaxe, a campioa de Venezuela júnior María Daza.

O resto de integrantes do equipo son: Ana Rodríguez, Andrea Tomé, Antía Crende, Cristina Bru, Diana Pedrosa, Ester Rubio, Fanny Avellaneda, Inés Nascimento, Jenifer Pontes, Joana Cortico, Katiuska García, Laia Conesa, Lorena Sanín, María Pilar, María Correa, Natalia Hortas, Reych Madone y Yamila Palacios.

Coa intención de ir conxuntando á formación, o Farto protagonizou durante a fin de semana unha concentración de pretempada na que participaron ciclistas profesionais como Delio Fernández, Gustavo Veloso ou Álex Marque ofrecendo charlas técnicas. Ademais os preparadores do equipo aproveitaron para realizar os axustes necesarios nas bicicletas que lucirán esta tempada en función dos estudos biomecánicos.