Un milagre e algo máis é o que necesita Peixe Galego para manter a categoría tras regresar derrotados contundentemente por Unión Financeira Oviedo. O descenso dos marinenses non é matemático aínda ao perder Magia Huesca, pero os de Javi Llorente necesitan gañar os tres partidos que quedan e que os oscenses non gañen ningún, ademais de superar tamén a Calzados Robusta, que lles adianta en dúas vitorias.
A pesar do resultado final, os galegos estiveron en partido en varios dos cuartos disputados e só foi no último, cando tiveron que baixar os brazos ante o asedio local comandado ata por cinco homes con dez ou máis puntos anotados e seis por encima dos dobres díxitos en valoración.
A diferenza estivo na escasa achega de moitos dos homes do equipo galego, que acusou ter nada menos que cinco dos seus xogadores con valoracións negativas, nun equipo no que só Tim Derksen e Javi Múgica, a pesar das súas molestias físicas no xeonllo, deron a talla.
Outra das claves foi o dominio da pintura por parte do conxunto asturiano, que mandou no rebote ata case dobrar aos marinenses, capturando un total de 45 rebotes, por só 20 do Peixe.
A primeira parte marcou o desenvolvemento do partido, cos dous primeiros parciais claramente favorables ao equipo local (23-18 e 19-10) para retorarse ao descanso cunha renda de 14 puntos (42-28) que non daban marxe a moitas esperanzas para os galegos.
Mellorou lixeiramente o Peixe no terceiro cuarto, pero sen conseguir reducir a desvantaxe (20-20), para entregarse totalmente nos últimos 10 minutos, nos que encaixaron un contundente 27-7, para terminar derrotados de forma clara (89-55) e dicir practicamente adeus ás súas opcións de permanencia en LEB Ouro.
Consulta aquí as estatísticas do Unión Financeira Oviedo-Peixe Galego.