O Pontevedra Club de Fútbol afronta este domingo 10 de marzo (17.00 horas) a visita a Pasarón do Real Avilés coa necesidade de sumar os tres puntos para seguir presionando o Ourense na loita polo liderado. Faino pendente do seu rival e da choiva que pode afectar o céspede, aínda que "se non se encharca e o tempo máis ou menos respecta non deberiamos ter problemas nin preocuparnos", asegura Yago Iglesias.
O técnico granate afirma que o terreo de xogo "agora mesmo está en boas condicións", pero que no caso de chover de maneira importante "a aprendizaxe de hai dúas semanas tennos que servir", sinalou en relación ao encontro contra o Zamora.
Iglesias quere centrar toda a atención nun rival que "me parece un equipo fiable. Espero un Avilés con oficio", como demostran as sete xornadas consecutivas que encadean sen coñecer a derrota, aínda que con catro empates, e que era "un claro candidato a estar arriba antes de empezar a liga".
Por todo iso "creo que se vai a ver un bo partido, dunha esixencia enorme", prognostica Yago, e é que "é tremendamente difícil conseguir puntos nesta segunda volta" ao xogarse moito todos os equipos. O conxunto asturiano por exemplo segue a aspirar a meterse no play-off de ascenso.
O Pontevedra encara a cita con todo o plantel dispoñible, mentres que o Avilés chegará a Pasarón coa sensible baixa por sanción de Edu Cortina, aínda que para o adestrador local "teñen xogadores contrastados para suplilo".
Yago Iglesias defendeu ademais na súa comparecencia este venres ante os medios de comunicación que, a pesar da importancia dos puntos en xogo, "ningún partido vai ser definitivo ata as últimas catro xornadas".