Se a un lle preguntan na cidade do Lérez por José Antonio Rodríguez Vilas, poida que a máis dun se lle pase desapercibido, pero se falamos de Pepe Vilas, poucos serán os pontevedreses, especialmente os amantes do deporte e do balonmán, que non saiban de quen falamos.
Pepe Vilas deixounos a última hora deste sábado, día de San Bieito, na cidade que el amou sempre e pola que tanto loitou, aos 85 anos de idade.
Con el vaise unha lenda do balonmán pontevedrés, galego e nacional. Foi dos poucos que vestiu a camiseta azul tanto na modalidade "a once", coa que empezou ese deporte, como posteriormente no seu formato actual.
Durante os 14 anos nos que xogou no Teucro, Vilas pisou as distintas pistas na que o vicedecano do balonmán español actuou, desde Pasarón, ata o pavillón Municipal, pasando por Paco Leis, O Verxel ou a mítica e estrañada pista de cemento de Arcebispo Malvar.
No Teucro, Vilas tamén exerceu como técnico do equipo xuvenil, ata que en 1971 decidiu colgar as zapatillas.

Aínda así, fiel aos seus amigos, regresaría unha década despois para botar unha man a un compañeiro, José Luís Touriño, que se empeñou en fundar o C.D. Estradense, onde ambos impartiron as súas últimas leccións sobre o 40x20.
Ademais da súa faceta deportiva, Pepe Vilas era coñecido e recoñecido pola súa faceta social e profesional. Activo representante sindical, nos primeiros tempos da democracia, e moi especialmente como Director durante moitos anos da que era unha das máis importantes sucursais da Caixa de Pontevedra, situada na rúa Riestra, desde a que axudou e asesorou a miles de pontevedreses que acudían en busca da súa atención e consellos.
Os seus restos mortais son velados no Tanatorio Pontevedra, onde ás 18:00 horas, no seu salón de actos, terá lugar a celebración da palabra, para a continuación ser incinerado na intimidade familiar no crematorio Terras de Pontevedra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.