Pilas cargadas para un Teucro que intentará agarrarse ao liderato na difícil pista do Barakaldo

Pontevedra
06 de novembro 2014

O parón liguero da pasada semana serviu para recuperar a varios xogadores tocados. A excepción é Iván Fernández, que se cae da convocatoria ao persistir as molestias que arrastra no seu xeonllo

Adestramento da SD Teucro no Municipal
Adestramento da SD Teucro no Municipal / Mónica Patxot

O primeiro equipo da Sociedad Deportiva Teucro pon este venres rumbo ao País Vasco para enfrontarse o vindeiro sábado (19:00 horas) ao Balonmano Barakaldo, un histórico que non arrincou ben a tempada pero do que non se fía Quique Domínguez.

O técnico considera que a situación na táboa dos vascos, décimo terceiros con dous puntos, é "engañosa por el quipo que tienen y el juego que hacen".

Os azuis intentarán manter unha semana máis o liderado e a súa imbatibilidade, e para iso poderán contar coa maioría dos xogadores que arrastraban molestias as últimas semanas.

A xornada de descanso da pasada fin de semana serviu para recuperar físicamente a xogadores como Richi Amérigo, Carlos Pombo e sobre todo Víctor Rodríguez, mellorado das súas dores nas costas e que adestra xa co grupo "aunque no esté al 100%", asegurou o seu adestrador.

Todos eles viaxan co equipo, pero non así o extremo Iván Fernández, cuxos problemas de xeonllo non están remitindo. Tamén se queda en Pontevedra José Carlos Ameijeiras por motivos de estudo.