Novo reto internacional para a armada pontevedresa, que desde este xoves concéntrase na localidade canadense de Montreal para disputar a terceira Copa do Mundo no que vai de ano.
A cidade do Lérez, do mesmo xeito que nas dúas anteriores citas, estará ben representada polos padeeiros Pablo Crespo, Manuel Fontán, Antía Jácome, Carolina García e Jaime Duro. Eles representarán á Boa Vila como parte dunha Selección Española da que tamén forman parte os cangueses Pablo Graña e Rodrigo Germade.
Todos eles chegan a esta Copa do Mundo inmersos de cheo na competición e coa recente experiencia no Campionato de Europa celebrado na localidade portuguesa de Montemor-o-Velho. Unha cita que deixou grandes actuacións entre as que destaca Manuel Fontán cunha dobre medalla (ouro e prata).
O primeiro en saír ás augas canadenses foi Pablo Crespo, que logrou este xoves un oco na final de C1 1000 tras superar a primeira eliminatoria e finalizar en terceira posición a semifinal que lle dá acceso á loita polas medallas. Será este venres ás 20:25 (hora peninsular).
Tamén os padeeiros de Cangas Pablo Graña e Rodrigo Germade fixéronse cun oco para disputar as finais do venres nas súas respectivas categorías (C1 200 e K4 500).
🇪🇸 𝐒𝐪𝐮𝐚𝐝 𝐥𝐢𝐬𝐭 | Afrontamos a III Copa do Mundo de sprint olímpico con este equipo.
— PiragüismoEspaña (
👆🏼 Última cita antes do Campionato do Mundo de Poznan. #CanoESP | pic.twitter.com/i8uJanK7Hw
Antía Jácome terá que gañarse un sitio para pelexar polos metais en C1 200 na xornada do sábado. Para iso deberá superar a primeira eliminatoria do venres (22:40 hora peninsular) e, en caso de logralo, a correspondente semifinal.
Pouco despois entrará en acción Manuel Fontán xunto ao seu compañeiro en C2 500 Diego Domínguez. Do mesmo xeito que o resto de padeeiros, deberán gañarse o dereito a participar na final nas roldas previas que arrincarán na noite do venres.
As últimas en abrir as súas roldas clasificatorias son a pontevedresa Carolina García e a súa compañeira Nerea García no K2 500. De lograr a clasiifcación avanzarán á semifinal do sábado e, en última instancia, á gran final do domingo.
Quen si pelexará por subirse ao podio o domingo con total seguridade será Jaime Duro, clasificado de forma directa á final de C1 5000 que arrincará sobre as 20:40. O lerezano chega á cita nun gran momento de forma tras as súas recentes medallas de ouro e bronce no Europeo de Maratón.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.