Jaime Duro pecha o Europeo de Maratón cun bronce e eleva a cinco as medallas pontevedresas

Pontevedra
28 de xuño 2026
Actualizado: 19:49

A representación pontevedresa pechou o Europeo de Maratón cun balance de cinco medallas grazas ao bronce conquistado por Jaime Duro, que completa unha gran actuación cun ouro e un terceiro posto

Jaime Duro e Manuel Garrido no Mundial de Piragüismo Maratón 2025
Jaime Duro e Manuel Garrido no Mundial de Piragüismo Maratón 2025 / RFEP

O Campionato de Europa de Piragüismo Maratón chega ao seu fin para unha armada pontevedresa que finaliza a competición cun total de cinco metais grazas aos dous ouros e os dous bronces de Jaime Duro e Mateo Lago nas súas respectivas categorías e ao segundo posto de Joaquín Iglesias en K2.

O propio Jaime Duro inaugurou o medalleiro lerezano na xornada inaugural cun ouro na proba curta de C1 tras sobreporse a unha penalización de 15 segundos. Seguiu os seus pasos o novo padeeiro da Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra Mateo Lago, que arrincou a súa andaina polo Europeo cun bronce na mesma proba da categoría Junior.

O bo facer de Lago non quedou aí, senón que mellorou as súas prestacións para sumar o terceiro metal para a Boa Vila cunha medalla de ouro na proba longa de C1 Junior.

A cuarta medalla chegou este domingo na final de longa distancia da categoría C2. Duro saíu ás augas romanesas de Bascov xunto ao seu compañeiro, o tudense Manuel Garrido, para lograr unha meritoria terceira posición nunha carreira dominada polos polacos.

E é que Polonia e Portugal protagonizaron un man a man ao longo da proba que non se decidiu até os metros finais coa vitoria de Mateusz Borgiel e Mateusz Zuchora (01:23:26). Cruzaron en segunda posición, por tanto, os lusos Rui Lacerda e Ricardo Coelho (01:23:33.)

Máis descolgados atravesaron a liña de meta Jaime Duro e Manuel Garrido para pechar o podio cun tempo de 01:26:09.

Quen non puido lograr a medalla nesta xornada final foi o canoísta do Grove Tono Campos, que finalizou a proba en quinta posición xunto ao padeeiro de Cuntis Diego Romero (01:27:18).

Si subiu ao podio o piragüista do Club Rías Baixas-Boiro Joaquín Iglesias, que logrou a medalla de prata xunto ao seu compañeiro Adrián Martín nunha disputada final de K2 que culminou con vitoria do equipo húngaro. O padeeiro lerezano cruzou a meta cun tempo de 01.31:56 nun apertado final de carreira.

Desta maneira finaliza o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón para unha armada pontevedresa que continúa cultivando grandes éxitos internacionais.