Xa está en marcha o Campionato de Europa de Sprint Júnior e Sub23, que arrincou este xoves 23 de xullo na localidade húngara de Szeged e que se desenvolverá até o vindeiro domingo 26.
Nel cítanse as maiores promesas do piragüismo internacional, pois participan un total de 759 padeeiros procedentes de 38 delegacións entre as que se atopa España cun combinado nacional formado por 60 deportistas. Destaca a nutrida presenza de padeeiros galegos xa que máis da metade dos membros do equipo español (34) procede de clubs de Galicia.
Poñendo o foco en Pontevedra e a súa contorna, a primeira en entrar en escena foi Iris Corredoira. A deportista do Club Náutico de Cobres estreou este xoves a participación júnior pontevedresa con éxito ao clasificarse para a semifinal de K1 1.000.
En clave Sub23 o primeiro en saír ás augas de Szeged foi Pedro Torrado, do Club Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga. Non tivo a mesma sorte que a súa compañeira de expedición xa que un noveno posto impediulle avanzar ás semifinais da súa categoría.
A representación pontevedresa nesta xornada inaugural avanza coa parella formada por Alejandro Dacosta e Alexandre Miguez, que si logrou a clasificación á semifinal na categoría júnior de K2 1.000.
Mateo Lago (Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra) e Alex Figueroa (Club de Mar Ría de Aldán-Gandón SA) fixeron o propio no C2 1.000 metros júnior ao lograr o pase directo á final mentres que Silvia Gago (Club Náutico O Muiño de Ribadumia) disputará a súa primeira eliminatoria de C1 500 ás 11:27.
Natalia Moreira, tamén da Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra, estrearase no K1 500 metros Sub-23 feminino na última proba matutina para os deportistas lerezanos (12:42 horas). A primeira da tarde a protagonizará Álvaro Kosowskivi formando parella con Lucas Muñoz no K2 500 metros júnior (15:15 horas).

Sara Durán (Club Piragüismo Portonovo) fará o propio con María Paraja na mesma proba pero da modalidade feminina Sub23 (15:55 horas) e Silvia Gago volverá ás augas húngaras con Lucía Pizarro no C2 500 (16:15 horas). Doutra banda, Pedro Torrado repetirá actuación co seu compañeiro de Club Raúl Busto para tratar de avanzar no C2 500 (16:20 horas).
Encarará o fin da primeira xornada Martín González (Club de Mar Ría de Aldán-Gandón SA) na proba de K4 500 formando equipo con Diego Feijoo, Pedro Dámaso e David Cosmos (16:40 horas). Tamén se estreará Mauro Domínguez (Club Piragüismo Verducido-Pontillón) na mesma modalidade da categoría Sub23 con Juan Allegue, Ernesto Goribar e Rubén Escudero (16:45 horas).
Ás 17.00 volverá a quenda feminina con Lorena Pérez (Club Piragüismo Verducido-Pontillón), Iris Corredoira, Candela Alonso e Telma Trindade en K4 500 júnior e terminará o día Natalia Moreira ás 17:05 coa primeira serie de k4 500 Sub23. Farao formando equipo con Yaiza Novo, Uxía Rodríguez e Carla Corral.
A xornada do venres deparará as eliminatorias de 200 metros con Alba Lago (Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra) como primeira protagonista do día (15:05). Dez minutos despois, ás 15:15, chegará a quenda da representante da Escola de Piragüismo Poio-Conservas Pescamar, Valeria Oliveira.
Buscará o seu sitio nas semifinais de canoa Raúl Busto ás 15:40 mentres que Mateo Caride (Club de Mar Ría de Aldán-Gandón SA) fará o propio en K1 200 júnior ás 16:00. Quince minutos despois entrará en acción Manuel Pousa na mesma modalidade da categoría Sub23.
A última saída pontevedresa do día será a de Sofía Parada (Club Piragüismo Portonovo), que pechará o venres ás 16:45. Este mesmo día e o sábado 25 disputaranse tamén as semifinais e as primeiras finais do campionato.
O domingo será a última xornada de finais por excelencia na que xa hai catro padeeiros pontevedreses clasificados para a loita polas medallas. Eles son Claudia Couto en C2 500 (13:15 horas), Lara Remigio en C2 200 (16:15 horas), Tomás Pérez en C4 mixto júnior (17:10) e Valeria Oliveira en C4 mixto Sub 23 (17:15 horas).
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.