O Pontevedra CF presentou este venres o seu tradicional campus de verán cunha serie de novidades que buscan ser o principal reclamo.
A primeira delas é que, en lugar de desenvolverse durante dúas semanas, nesta ocasión aumentarán a catro, celebrándose durante as primeiras dúas semanas do mes de xullo e as dúas primeiras do mes de agosto debido á "demanda da xente".
Por ese motivo, desde a coordinación do equipo granate tamén decidiron ampliar o horario das xornadas engadindo o plan madruga, para que os pais e nais poidan deixar aos seus fillos antes de irse a traballar. O plan madruga inclúe almorzo e comezará a partir das 7:45 horas, mentres que o horario normal do campus será de 9:00 a 14:00 prorrogable ás 16:30 horas en caso de contratar o servizo de comedor.
A actividade está dirixida a nenos e nenas nacidos entre 2009 e 2019 e desenvolverase nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe, onde os nenos realizarán adestramentos de tecnificación dirixidos por adestradores da base, piscina, actividades de tempo libre e contarán coa visita dun xogador do primeiro equipo por semana.
Tal e como indicou un dos responsables do campus, o adestrador Gelillo, haberá entre 80 e 90 prazas dispoñibles por semana a un prezo de 130 euros por neno en caso de ser externo ao club e de 110 se pertence á base. Tamén haberá descontos especiais polo segundo irmán e en función do número de semanas que participen.
XORNADAS DE CAPTACIÓN DE XOGADORES
Desde o Pontevedra adiantaron que o 29 de maio é o día elixido polo club para realizar as xornadas de captación de nenos e nenas nacidos entre 2009 e 2019, que adestrarán cos respectivos equipos da base en función da súa idade e nas instalacións habituais.
A inscrición poderá realizarse a través dun código QR que o club publicará nos próximos días a través das súas redes sociais.