Pleno de vitorias para o Cisne nos seus dous primeiros partidos de pretempada

Pontevedra
21 de agosto 2021

A preparación da nova tempada en División Honra Prata para o Club Cisne Balonmán pasou por unha fin de semana intensiva con dous partidos amigables que se saldaron con senllas vitorias sobre o Balonmán Chapela e o Aguas Santas

Partido da Liga Asobal entre Cisne e Puente Genil no Municipal
Partido da Liga Asobal entre Cisne e Puente Genil no Municipal / Cristina Saiz

A preparación da nova tempada en División Honra Prata para o Club Cisne Balonmán pasou por unha fin de semana intensiva con dous partidos amigables que se saldaron con senllas vitorias sobre o Balonmán Chapela e o Aguas Santas.

Fronte aos de Redondela, o equipo branco fixo valer a súa condición de equipo de superior categoría para noquear ao seu rival cun contundente 22-43.

Aínda que o resultado é o menos importante desta primeira toma de contacto, os de Jabato, esta vez guiados polo segundo adestrador, Quiños, mostraron unha imaxe de bloque forte defensivamente e moi activa á hora de atacar.

En plano individual, Mateo Arias foi o xogador máis brillante do Cisne con nove dianas de once tiros lanzados. Tamén destacaron Román Arboleya e Daniel López cun 100% de efectividade nos seus lanzamentos, que se saldaron con cinco goles cada un. 

Pola súa banda, o duelo contra Aguas Santas celebrado en Tui foi máis igualado e os da Boa Vila tiveron que sufrir a pesar de que finalmente gañaron por un axustado 28-29.

Con estes partidos o Club Cisne Balonmán empeza a quentar motores de fronte ao comezo de competición, que está previsto para o 26 de setembro contra o Atlético Novás en Pontevedra.