Poio aproba as axudas ao deporte local abrindo a porta a equipos de veteranos

Poio
05 de marzo 2024

Este ano amplíanse a tres liñas de subvencións, e ademais de incluír clubs e deportistas federados, o goberno local de Poio engade a posibilidade de financiar equipos de fútbol veterano 

Cándido Muíños visita a escola municipal de taekwondo
Cándido Muíños visita a escola municipal de taekwondo /

O Concello de Poio aprobou as bases das axudas municipais para fomentar o deporte local.

Como principal novidade entre as tres liñas de actuación por primeira vez ábrese a posibilidade de achegar fondos a clubs de fútbol con equipos que participen en categorías de veteranos.

Ademais estas subvencións están destinadas a clubs e entidades que figuren rexistradas no rexistro municipal de asociacións, e a deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima dun ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual.

Entre os gastos subvencionables con estas axudas inclúense licenzas federativas, seguros deportivos, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, mantemento e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores ou outros gastos propios da participación en competicións.

As axudas, cun montante global de 34.150 euros, cubrirán gastos xustificables entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024.

Segundo explica o Concello, destinaranse en concreto 28.150 euros á liña 1 (clubs e entidades), 4.000 euros á liña 2 (deportistas individuais) e 2.000 euros á liña 3 (veteranos).