Poio consegue o OK de Portos de Galicia para os seus eventos deportivos, o primeiro o 3x3 Armadiña

Poio
19 de xullo 2018

"Esperamos que sexa así no resto de actividades previstas", sinalou a concelleira de Deportes, Marga Caldas, satisfeita de que a presión exercida dera como resultado unha modificación no criterio do organismo autonómico. O torneo de fútbol 3x3 celebrarase por tanto o 28 de xullo na Praza da Chousa de Combarro

Presentación do IV Torneo 3x3 Armadiña de fútbol
Presentación do IV Torneo 3x3 Armadiña de fútbol / PontevedraViva

A situación de incerteza na que se atopaban os organizadores de varios eventos deportivos que se ían a celebrar en Poio, ante a negación de Portos de Galicia á utilización de espazos da súa titularidade, parece chegar ao seu fin.

A concelleira de Deportes, Marga Caldas, confirmou este xoves que conseguiron o permiso para desenvolver con normalidade o Torneo 3x3 Armadiña de fútbol, que terá lugar o próximo 28 de xullo na Praza da Chousa.

"Esperamos que sexa así no resto de actividades previstas", sinalou a edil satisfeita de que a presión exercida dera como resultado unha modificación no criterio do organismo autonómico. 

Ademais a representante do goberno local engadiu que Poio continúa realizando trámites para tentar lograr que esta praza, no corazón de Combarro, pase a ser de titularidade municipal.

En canto ao 3x3  Armadiña, na súa cuarta edición, espera congregar ata 64 equipos e preto de 300 xogadores para unha competición que se desenvolverá en cinco categorías de idade desde as 10:00 horas da mañá (ata as 22:00 horas), utilizando para iso catro campos que serán instalados na Chousa.

Paralelamente ao torneo habilitarase unha recollida solidaria de alimentos e ademais poñerase en xogo unha rifa mediante a cal se sortearán camisetas asinadas do Atlético de Madrid de fútbol, o Inter Movistar (asinada polo vigués Pola) ou o Poio Pescamar, un balón da liga Nacional de Fútbol Sala, unha cea no Tinta Negra e un lote de viño albariño.