Poio Pescamar estrélase coa porteira de Ourense Envialia (1-2)

Poio
25 de marzo 2018

Ourense Envialia toma vantaxe na loita pola sexta praza ao impoñerse na Seca a un Poio Pescamar incapaz de salvar a oposición da porteira ourensá pese ao asedio ao que someteu á meta visitante na segunda metade

Partido entre Poio Pescamar e Cádiz na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Cádiz na Seca / Diego Torrado

Ourense Envialia toma vantaxe na loita pola sexta praza ao impoñerse na Seca a un Poio Pescamar incapaz de salvar a oposición da porteira ourensá pese ao asedio ao que someteu á meta visitante na segunda metade.

Ourense devolvía a moeda ás de Marcio Santos, que venceran nos Remedios na primeira volta, ampliando a catro os puntos de colchón sobre o equipo "rojillo" a falta de oito xornadas para o final de liga.

Na primeira parte, o Poio optaba por esperar en metade de pista as acometidas do Ourense Envialia, que conseguía adiantarse aos catro minutos por mediación de Luci, culminando unha rápida transición ofensiva a pase de  Nerea. As locais subían a intensidade na súa presión á saída de balón das ourensás en busca dunha igualada que se encargaría de establecer Ceci, nunha boa xogada culminada cun remate ao segundo pau tras despexe en curto de  Vane.

A pesar de que o Poio dominaba sería o Ourense quen volvía adiantarse cun novo gol de Luci, esta vez a pase de Antía tras un envío en longo de  Vane.

Ata o descanso o Poio  Pescamar seguiu dominando en busca dun empate que non chegaría.

A segunda parte foi un asedio constante do equipo local, que se estrelaba unha e outra vez coa sensacional actuación da porteira visitante  Vane. Nin sequera o xogo de cinco ao que recorreu Marcio Santos, serviu para derrubar a muralla visitante, a pesar de dispoñer de tres ocasiones clarísimas, desbaratadas por Vane novamente, para o menos conseguir empatar.

POIO PESCAMAR (1): Silvia; Jenny, Iria, Ceci e Ale de Paz (quinteto inicial). Tamén xogaron, Delise, Daniela e Carolina.

OURENSE ENVIALIA (2): Vane; Bea Martín, Antía, Andrea e Luci (quinteto inicial). Tamén xogaron, María, Marta, Nerea e Bea Seijas.

Árbitros: Ferrero Carballal e Roldán Pérez (Galicia). Amoestaron a Iria e Delise no Poio  Pescamar.

Goles: 0-1, min. 4 Luci. 1-1, min. 6: Ceci. 1-2, min. 15 Luci.

Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 450 espectadores.