Poio pon en marcha un plan de reactivación no deporte para principios de marzo

Poio
18 de febreiro 2021

Os deportivas federados serán os primeiros en volver aos adestramentos. Posteriormente, será a quenda do deporte base, coa idea de que cada semana inicie a actividade unha categoría diferente. O obxectivo é que todo o tecido deportivo estea operativo a principios do mes de marzo  

Tatami e material deportivo do ximnasio municipal
Tatami e material deportivo do ximnasio municipal / Concello de Poio

Os deportistas federados serán os primeiros en volver aos adestramentos. Posteriormente, será a quenda do deporte base, coa idea de que cada semana inicie a actividade unha categoría diferente. O obxectivo é que todo o tecido deportivo estea operativo a principios do mes de marzo. A concelleira de Deportes, Marga Caldas, traslada aos clubes a folla de ruta a seguir nas vindeiras semanas.

Unha desescalada "progresiva, efectiva e segura" é a premisa pola que aposta a Concellería de Deportes. Así, segundo o Concello de Poio, unha vez superado o pico da terceira vaga da covid-19, que obrigou a paralizar toda a actividade deportiva que non fose profesional, os clubes poderán ir retomando paulatinamente a práctica do deporte.

A concelleira Marga Caldas mantivo na mañá deste mércores unha reunión telemática con responsables e representantes das entidades deportivas para trasladarlles o plan polo que aposta o Concello, logo que de a Xunta de Galicia confirmase, o pasado luns 15 de febreiro, a redución de parte das restricións sanitarias aprobadas a finais de xaneiro. Grazas a esta redución das medidas, volverase a permitir a competición federada a nivel autonómico, así como a utilización de instalacións deportivas ao aire libre, de xeito individual.

Caldas Moreira garantiu aos responsables dos clubes que este plan de desescalada estará adaptado ás restricións. Deste xeito, o Concello adianta que o deporte federado será o primeiro en arrancar, progresivamente, desde o mércores 17 ata o 23 de febreiro. "Un exemplo é o balonmán ou disciplinas que traballan ao aire libre, como é o ciclismo", explica a edil de Deportes, que fai fincapé na importancia de que "non todos os grupos empecen ao mesmo tempo". A segunda fase iniciarase entre o 24 de febreiro e o 2 de marzo, que será a quenda do deporte de base e no que se pretende introducir unha categoría cada semana.

Con respecto ao ximnasio municipal, Marga Caldas lembra que a día de hoxe as restricións impiden a apertura deste tipo de instalacións, aínda que de xeito excepcional se permitirá o uso do tatami aos deportistas federados de Taekwondo e Kickboxing, para que poidan retomar os adestramentos. Este permiso queda reducido expresamente a esta superficie, sen que se poidan utilizar outras dependencias interiores, como os vestiarios. 

A edil do BNG explicou, asemade, que as últimas instalacións deportivas en abrir as súas portas serán as dos centros educativos que tamén son utilizadas por clubes e Escolas Deportivas. "Se a tendencia na baixada de casos continúa a tan bo ritmo como nos últimos días, confiamos en que a actividade deportiva poida estar en marcha de xeito regular a partir de principios de marzo", sinalou Caldas Moreira.

Ademais aproveitou a reunión telemática para felicitar, unha vez máis, o tecido deportivo do municipio "polo seu labor e o esforzo que levan meses realizando para adaptarse a un contexto que non deixa de mudar". Neste sentido, a concelleira do Goberno local lembrou que "se ben somos conscientes de que a situación provocada pola terceira vaga da Covid-19 obrigaba a paralizar a actividade deportiva, desde o primeiro intre tamén tivemos claro que os clubs demostraron estar á altura das circunstancias en todo momento".

Caldas lembrou que o cumprimento dos protocolos e as medidas sanitarias fixo que, ata o seu cese temporal en xaneiro, fora "absolutamente rigoroso", e engadiu que "o deporte seguro é moi necesario, por iso entendemos que é un dos eidos que ten que reactivarse canto antes. Estamos a falar dunha actividade esencial e saudable, por iso o noso Concello foi un dos primeiros en apostar pola recuperación da actividade deportiva en canto acabou o primeiro confinamento e mantivemos as instalacións abertas todo o posible, garantindo o cumprimento das medidas hixiénicas, de aforo e distanciamento necesarias", finalizou.

Por outra banda, no Pleno ordinario deste mes de febreiro está previsto que a Corporación apoie, de xeito unánime, un manifesto impulsado pola Plataforma Galega de Educación Física, a Actividade Física e o Deporte.