O primeiro compromiso do ano para o Bádminton Ravachol Pontevedra será unha cita clave para o seu futuro na Primeira Nacional e o seu obxectivo de pelexar polo ascenso á máxima categoría.
O conxunto pontevedrés competirá nesta ocasión preto da casa, en Ponteareas, nunha xornada ligueira que se disputará os días 11 e 12 de xaneiro e na que terá como rivais ao Caser Clear Madrid (décimo clasificado); o CB Astures de Xixón, equipo revelación da tempada; e o CB Estella de Navarra.
Co Ravachol terceiro na táboa empatado a puntos co segundo, facer pleno pode permitir consolidarse na zona alta ao haber outros duelos directos entre rivais esta mesma xornada.
Jesús Pereiro, técnico do Bádminton Pontevedra, ten previsto facer debutar nesta ocasión ao vigués Gabriel Fernández, recente reforzo do club aos seus 17 anos e con xa unha importante experiencia a nivel nacional e internacional.
A convocatoria do Ravachol complétana Alejandro Nogueira, Ana Carbón, Manuel Brea, Raquel Miguens, Miguel Sanluis, Amaia Torralba e Natalia Murio.