O calendario deportivo de Pontevedra suma unha nova cita de interese, como complemento á Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon.
A Boa Vila será escenario da etapa decisiva da XXI Volta Ciclista a Galicia.
A rolda ciclista elite e sub-23 vivirá a súa cuarta e última etapa na súa edición de 2023 o domingo 17 de setembro con saída e meta na Praza de España de Pontevedra.
Será nunha xornada de 133,6 quilómetros de percorrido e ata tres ascensións, como o alto de Pe da Moa (3ªcategoría), o Lago de Castiñeiras (2ª) e O Pituco (3ª), a menos de 10 quilómetros do final.
A caravana de corredores partirá ás 10.00 horas da mañá desde Pontevedra para dirixirse pola costa a través da PO-308 ata A Lanzada, e logo penetrar no interior da comarca cara a Dena para pasar despois por Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Soutomaior, Arcade e Marín antes de afrontar o seu desenlace de novo no centro da cidade.
A Volta Galicia 2023 dará comezo o xoves 14 de setembro en Pobra de Brollón, onde se disputará unha contrarreloxo individual de 6,7 quilómetros. O municipio lugués acollerá ademais a segunda xornada cunha etapa en liña de 148 quilómetros.
Pola súa banda a terceira etapa, de 131,3 quilómetros, terá saída e meta en Pobra de Trives, na contorna da estación ourensá de Manzaneda.