Pontevedra-Cádiz na segunda rolda da Copa do Rei

Pontevedra
18 de decembro 2020

Un equipo de Primeira División visitará en xaneiro o Estadio Municipal de Pasarón na segunda rolda da Copa, e será cal capricho do destino o Cádiz CF, verdugo do Ribadumia na primeira eliminatoria

Partido entre Ribadumia e Cádiz na Copa do Rei
Partido entre Ribadumia e Cádiz na Copa do Rei / Cádiz CF

Caprichos do destino. O Pontevedra Club de Fútbol xa coñece cal será o seu rival na segunda rolda da Copa do Rei, tras deixar na cuneta este xoves na eliminatoria inicial o Cartagena da Segunda División, e terá de vingar a eliminación dun veciño e club amigo, o Ribadumia.

Segundo estableceu o sorteo celebrado este venres na sede da Real Federación Española de Fútbol, os granates recibirán o Cádiz CF, equipo revelación esta campaña na Primeira División tras superar, entre outros, a Barcelona e Real Madrid e que vén de gañar o Ribadumia na Senra por 0-2.

Desta forma o cadro andaluz repetirá visita ás Rías Baixas, esta vez ao Estadio Municipal de Pasarón, nun cruzamento que se resolverá a partido único no principio do ano (5, 6 ou 7 de xaneiro).

Só 16 equipos da categoría de bronce dos 23 clasificados quedaron emparellados con clubs de Primeira División, o resto fixérono contra conxuntos de Segunda División. Un deles será un Pontevedra que tivo que esperar á penúltima bóla dos equipos da máxima categoría para coñecer rival. Unha antes saíra o desexado por moitos, o Atlético de Madrid.