Este luns desvelouse o calendario de competición de Terceira Federación para a tempada 2026/27 nun acto celebrado na Praia do Faro na Illa de Arousa.
Ao evento acudiron representantes de todos os clubs que conforman o grupo galego; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e o alcalde da localidade, Luís Arosa.
O Céltiga, que exerceu como anfitrión do acto, arrancará a competición a fin de semana do 5-6 de setembro visitando ao Silva S.D.
Mesma data na que botarán a andar o resto de equipos da categoría entre os que se atopan o Portonovo e o Pontevedra B, ambos recentemente ascendidos desde Preferente Futgal.
Do mesmo xeito que o conxunto insular, arrancarán a liga a domicilio visitando ao UD Somozas e ao Alondras respectivamente.
En canto á última e probablemente decisiva xornada de competición, prevista para o 8-9 de maio, o Céltiga recibirá no Salvador Otero ao Atlético Montañeros mentres que o filial granate irá á provincia lucense para medirse ao Viveiro.
O Portonovo, pola súa banda, tamén xogará lonxe do campo de Baltar para medirse ao Gran Peña F.C. en Barreiro.
Haberá que esperar á xornada 6 (10-11 de outubro) para presenciar o primeiro derbi comarcal que enfrontará ao Pontevedra B co Portonovo na cidade do Lérez. A volta será na xornada 23 prevista para o 20-21 de febreiro.
Na xornada 11 (14-15 de novembro) chegará un novo derbi ao campo de Baltar, nesta ocasión para recibir a un Céltiga que exercerá como local na volta programada para a xornada 28 (27-28 de marzo).
Por último, Pontevedra B e Céltiga enfrontaranse o 28-29 de novembro na Boa Vila no encontro correspondente á xornada 13, que terá o seu partido de volta na xornada 30 que se disputará a fin de semana do 10-11 de abril.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.